COMUNICADO DE PRENSA.
Ante os titulares de diferentes medios de comunicación, sinálase que, “o Consello Escolar de Galicia apoia o novo exámen das reválidas”, en termos máis ou menos similares, CONFAPA-GALICIA, que ostenta a representación das ANPAS de toda Galicia), na Comisión Permanente deste Consello, quere facer público este comunicado baseado nos seguintes puntos e argumentación:
-O Consello Escolar de Galicia non tratou, nin en Permanente nin en Pleno o tema das probas finais da ESO e de Bacharelato e polo tanto nunca se pode dicir, a data de hoxe, que apoia o novo exame.
-O Consello Escolar de Galicia, reunido en Pleno o día 21 de maio de 2015, acordou por maioría (20 votos a favor e 17 en contra) aprobar a enmenda á totalidade presentada por distintas organizacións que conformamos o Consello (entre as que se atopa a CONFAPA) contra o decreto polo que se establece o currículo da ensinanza secundaria obrigatoria e o bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
-Como consecuencia da resolución anterior, o Consello Escolar de Galicia insta á Consellería de Cultura, Educación e O.U. que retire este decreto (pódese acceder ao ditame na web edu.xunta.es/consello escolar de galicia/ditames).
-Este decreto do currículo da ESO e BAC. de Galicia foi a única norma tratada no Consello, que fai referencia ás chamadas reválidas da ESO e BAC., lexislación que foi rexeitada polo Consello como se demostra co ditame aludido.
-Cómpre desmentir rotundamente esta nova, e deixar constancia de que, polo menos dende o sector das familias e das ANPAS, rexeitamos absolutamente as reválidas e esiximos a súa paralización pola incerteza que xeran a toda a comunidade educativa.
18 de outubro de 2016
A representante da CONFAPA e das familias na Comisión Permanente do Consello Escolar de Galicia:
Helena Gómez Vecino
Presidenta de CONFAPA.