Xunta Directiva de CONFAPA-GALICIA a 12 de marzo de 2020.
Tras a reunión da Xunta Directiva de CONFAPA GALICIA, esta tarde en A Coruña, asistindo todalas federacións da provincia e en relación coa suspensión das actividades académicas nos centros de ensino de
Galicia dende o luns 16 de marzo, CONFAPA Galicia quere comunicar o seguinte:1. Estamos ante unha crise sanitaria que a propia OMS ten calificada como
Pandemia, polo que é unha responsabilidade cívica a colaboración de todos
coas recomendacións e medidas ditadas polas autoridades e as
administracións. CONFAPA Galicia comparte e apoia a medida de suspensión da
actividade académica nos centros de ensino, así como todas as que poidan
determinarse para resolver o contaxio masivo do Coronavirus Covid-19.
CONFAPA Galicia vai colaborar activamente no cumprimento das súas
responsabilidades cívicas para que esta excepcionalidade sanitaria se resolva
do xeito máis satisfactorio e menos perxudicial posible para todos os afectados.2. As ANPA e as súas Federacións están dispostas a colaborar coas
administracións con toda responsabilidade e disposición. No entanto, temos
que manifestar que CONFAPA Galicia non tivo ningunha comunicación coa
Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, nin con
ningún outro representante da Xunta de Galicia. Unha medida como a proposta
afecta directamente á conciliación das familias e, como ben sabe a Consellería,
ás actividades complementarias e extraescolares que desenvolvemos a prol da
comunidade educativa. Estas actividades teñen contratos que vanse ver
afectados por esta suspensión de actividades. A falta de comunicación da Xunta
de Galicia resulta incalificable dende o momento que o seu Presidente, Alberto
Núñez Feijoó, comunicou en rolda de prensa que tivera contactos con todo tipo
de organizacións profesionais, docentes e deportivas, e ningún cos
representantes das familias, obxectivo directo da función educativa, e
afectados principais desta medida. Neste sentido reclamamos da Consellería de
Educación e dos seus representantes unha interlocución directa, máis tendo en
conta que o horizonte temporal da suspensión pode extenderse máis alá dos 14
días sinalados, e as familias e as ANPA necesitan anticiparse ás consecuencias
desta situación.3. A suspensión de actividades está tendo un custo que afecta directamente aos
traballadores e empresas que ofrecen servizos ás ANPA e ás familias, que neste
momento xa están sufrindo despidos e regulacións temporais de emprego.
Resulta de todo punto inxustificable que a factura desta crise sexa a pagar
polos traballadores, a parte máis débil da cadea, e polas empresas ás que se lle
impón unha suspensión forzosa que trasladan aos seus traballadores, porque a
outra solución é o peche pola quebra económica. Dende CONFAPA Galicia
reclamamos medidas laborais e económicas para a proteción dos traballadores
(monitores de comedores e madrugadores, academias, profesionais de
actividades extraescolares, deportivas ou culturais,) das familias e das ANPA e
as súas Federacións.4. A perda de calendario lectivo non pode resultar nunha lesión da calidade
educativa que reciba o alumnado. Entendemos que os distintos niveis
educativos teñen necesidades e contidos distintos e heteroxéneos, e tampouco
a realidade social, económica e tecnolóxica de Galicia é homoxénea. Plantexar
a educación a distancia ou telemática como un substituto da asistencia ás aulas
é unha idea peregrina que rexeitamos enerxicamente. No entanto, CONFAPA
Galicia esixe que esta situación non supoña unha mingua de calidade, polo que
se é necesario defenderemos e esixiremos unha ampliación do calendario
escolar máis alá do establecido orixinalmente.5. Solicitamos e pedimos á comunidade educativa a colaboración co cumprimento
das medidas, recomendacións e restricións que as autoridades sanitarias
dispoñan para atallar esta crise sanitaria. Facemos un chamamento ás familias
á responsabilidade cívica nun momento sen precedentes como o actual. Ao
mesmo tempo agardamos que todas as medidas complementarias que poidan
establecerse por parte das autoridades sirvan para o fin último de resolver o
problema plantexado pola pandemia do Coronavirus Covid-19.