Prezadas ANPAs:
Algo que nos recoñece ás ANPAs é, ou debe ser, a imparcialidade política, e así se reflicte nos nosos estatutos. Polo cal, e facéndonos eco diso, quedándonos sen argumentos de peso para seguir apoiando a folga do 9 de marzo, e querendo ser coherentes coas familias que representamos, CONFAPA Galicia decidíu desmarcarse da devandita convocatoria.
Reflectimos no comunicado adxunto os motivos de tal decisión. Este comunicado envíasevos a todas as ANPAs antes de facer un comunicado de prensa.
Saúdos
José Antonio Álvarez Caride
Presidente FAPA Ourense
Confederación Galega de ANPAS de Centros Públicos
Estimadas compañeiras e compañeiros.
CONFAPA Galicia ven de tomar a decisión de retirarlle o apoio á folga de 9 de marzo convocada pola Plataforma Estatal en Defensa do Ensino Público e pola Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, no entendemento de que concurren varias e xustificadas razóns que impoñen un paso atrás nesa convocatoria, que non nos seus motivos de fondo, por todos compartidos.
Temos constatado nestes días que a percepción social da folga, que nos transmiten as nosas ANPAS, é a da súa inconveniencia temporal, tendo en conta os movementos da subcomisión parlamentaria encargada de acadar un pacto educativo que debe concretar unha lexislación educativa de consenso; esta subcomisión comezou os seus traballos hai días e parece oportuno permitirilles unha pequena marxe de actuación antes da crítica. Asemade, certo é que o Decreto das Reválidas veu supoñer unha derogación “de facto» das mesmas, ata acadar ese pacto educativo que todos desexamos, e que tal decisión parece cando menos alentadora.
Nestas circunstancias, CONFAPA-GALICIA entende que a folga convocada pode ser prexudicial para o movemento asociativo das ANPAs tanto pola constatada falta de apoio nas familias como polo feito de poder comprometer accións futuras cando puideran ser necesarias, caso de non acadarse o tan ansiado consenso educativo.
CONFAPA Galicia non pode asumir unha folga sen respaldo dos seus asociados e ainda con disconformidade patente. Porén, vémonos na obriga para co noso colectivo de desconvocar a folga no noso ámbito, sempre agardando que xurdan novas positivas desde esa subcomisión parlamentaria e mantendo a vixiancia sobre ela, na procura de que acade os froitos que todos reclamamos. É, para todos nós, un exercicio de responsabilidade.
Esta decisión non empana, antes reforza, o noso compromiso firme e inamovible cos valores identitarios da escola pública e co rexeite á LOMCE, que nos ha levar a cantas accións sexan precisas e axeitadas na procura destes grandes obxectivos.
CONFAPA-GALICIA
A Coruña, a 20 de febreiro de 2017
[gview file=»https://www.fapaourense.es/wp-content/uploads/Comunicado-CONFAPA-Galicia-folga-marzo.pdf» save=»1″]