Presentado Recurso de Reposición no Rexistro Xeral do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ourense co nº de entrada 21016/RX 1209644 as 13:39:37 h do día 25 de xuño de 2015
RECURSO DE REPOSICIÓN
Don José Antonio Alvarez Caride, como presidente e representante da Federación de Anpas de Centros Públicos de Ourense, indica que a Xunta Directiva desta Federación decide este
RECURSO:
Contra a Orde do 21 de maio de 2015 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 101 de 1 de xuño de 2015), pola que se regula o fondo solidario de libros de texto destinado ao alumnado matriculado en 3º e 5º de educación primaria e en 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria, en centros docentes sostidos con fondos públicos no curso escolar 2015/2016.
FEITOS
1. A Consellería de Educación vén de publicar unha orde pola que pretende regular un banco de libros nos centros públicos para o curso 2015/2016.
2. Na exposición de motivos de dita orde menciónase o art. 4 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, onde se recoñece que o ensino básico é obrigatorio e gratuíto para todas as persoas.
3. Na mesma exposición de motivos dise que a reutilización de libros fomentará aptitudes de respecto, bo uso e conservación de bens comúns e favorecerá a adquisición de hábitos cívicos e de convivencia.
4. Finalmente fala da posibilidade de colaboración na xestión do fondo solidario de libros de texto por parte das ANPA.
Desde FAPA Ourense As Burgas entendemos que esta orde atenta contra os principios fundamentais da educación básica polos seguintes argumentos:
1. O art. 28 da Convención sobre os dereitos do neno, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989 di que “Os estados partes recoñecen o dereito do neno á educación e, co fin de que se poida exercer progresivamente e en condicións de igualdade ese dereito, deberán en particular: “a) implantar a ensinanza primaria obrigatoria e gratuíta para todos”.
Aquí recóllense os principios de igualdade e gratuidade da educación básica.
2. O art. 14 da Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea di: “Dereito á educación 1. Toda persoa ten dereito á educación e ao acceso á formación profesional e permanente. 2. Este dereito inclúe a facultade de recibir gratuitamente a ensinanza obrigatoria”.
De novo e a nivel europeo recóllese a gratuídade como un dereito innato da persoa.
3. Para o art. 27 da Constitución española de 1978 a educación é un dereito (punto 1), a educación básica é obrigatoria e gratuita (punto 4), e os poderes públicos garanten o dereito de todos á educación.
Non fai máis que facerse eco dos principios que vimos aprobados pola comunidade internacional, respecto de que se trata dun dereito á educación, que a educación básica é (imperativo) obrigatoria e gratuíta, e que debe ser en plano de igualdade (para todos, indiferentemente do nivel de renda ou das diferentes cualidades de cada persoa), e é así que os que teñen que garantir estes son os poderes públicos. É un mandato.
4. A LOMCE no art. 3.3 di que “A educación primaria (EP) e a educación secundaria obrigatoria (ESO) constitúen a educación básica española”. E no art. 4 “O ensino básico ao que se refire o art. 3.3 desta lei é obrigatorio e gratuíto para todas as persoas”.
Polo que xa non queda lugar a dúbidas sobre se a educación básica en España é un dereito, gratuíto e de todos (igualdade).
3. O Congreso dos deputados sinala que “O dereito á educación presenta unha innegábel natureza prestacional, reforzada coa proclamación da obrigatoriedade e gratuídade do ensino básico,…os poderes públicos están obrigados a facilitar un posto escolar gratuíto no ensino básico…
6. O Defensor do Pobo indica que “xa expresou o Defensor do Pobo no seu informe anual de 1995, e foi validada e compartida polo Consello Escolar do Estado, que no seu informe do curso 1998/1999 di: A Constitución española é taxativa. A educación básica é obrigatoria e gratuíta. O libro de texto ou material didáctico que sexa preciso para impartir a educación básica e, por tanto, para garantir o dereito fundamental á Educación ha ser gratuito. O Consello Escolar insta ás Administracións educativas para que realicen as medidas precisas, na forma máis efectiva, para garantir este dereito en todos os centros sostidos con fondos públicos”.
Dereito fundamental, educación básica obrigatoria e gratuíta… Todas as institucións internacionais e do Estado, tanto nas súas normas capitais como no seus informes e resolución, inciden sempre no mesmo: a educación básica é un dereito universal e gratuíto.
Así damos por establecido, sen discusión posíbel que a educación básica é un dereito polo que se obriga á sociedade a darlla aos cativos en igualdade sen importar a procedencia ou fortuna das familias polo que ten que ser gratuíta, entendendo que tal afirmación abrangue a achega de materiais necesarios (libros e/ou calquera outro material didáctico).
Do exame da norma que vén de ditar a Consellería de Educación tiramos as seguintes
CONSIDERACIÓNS
a) Dicimos “ditar” na acepción de “Impoñer a alguén o que debe facer ou dicir sen admitir discusión ningunha”, de onde vén “ditatorial” ou que non admite réplica. Consideramos que nos tempos que corren, nun sector estratéxico para o país como é o da educación, non caben actitudes de imposición de normativa senón acordo entre todas as partes implicadas.
b) O art. 1.3 da orde di que está excluído do ámbito de aplicación da orde o alumnado matriculado nos centros incluídos no proxecto educación dixital. Consagra a Consellería unha ruptura do principio de igualdade, pois os que teñan esta posibilidade non terán que soportar esta nefasta orde, ao non ter que utilizar libros en formato papel pois os contidos para as ferramentas dixitais dos alumnos son fornecidos sen custe.
c) O art. 2 contradí o anterior pois fala de que todos os centros… deberán dispór dun fondo solidario de libros (eufemismo para non dicir banco de libros). ¿Non quedáramos en que os que están incluídos no proxecto educación dixital non entran?
d) De seguido hai dúas modalidades: material reutilizable obrigado e o voluntariamente cedido ao fondo. Cedido significa que se pode retirar do fondo en calquera momento, non si?
Aquí hai unha certa relaxación e confianza sobre os usuarios, pois en grande medida da boa vontade deles dependerá que poidamos cumprir o mandato de gratuidade na educación para máis ou menos alumnos.
e) No art. 7 refírese á asignación dos libros que serán para as familias con menor renda, mais non se di que pasa se non hai libros porque non houbo entregas, están en mal estado para o seu uso ou non houbo familias que cederon os que non tiñan que entregar, así non haberá asignación de libros ou se asignarán a algún, nunca á totalidade… Asistimos a outra quebra dos principios de gratuidade e igualdade na educación básica.
Tamén se di que o alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65% terá preferencia na asignación de libros. Descoñece sen dúbida quen redactou esta desafortunada frase que a actual situación de protección social en Galicia para cos discapacitados deixa moito que desexar, e que unha carga enorme para as familias pola atención que teñen que dedicar aos seus vástagos, vese incrementada por ter que facer fronte ao gasto en libros.
f) A expresión “Se os hai” é o que máis nos chamou a atención dos parágrafos 2 e 3 do art. 7. ¿E se non os hai? É ferinte que a Administración pagada por todas/os trate desta maneira ás/aos que a mantemos.
g) A inexactitude expresada na orde para artellar un sistema co que pareza que se presta un servizo que non tería que prestar a Administración educativa é tal, que para coñecer quen ten dereito a libros no curso 2015/2016 terase en conta a situación persoal e familiar o 31 de decembro de 2013!! E despois refirese a situacións persoais como ás de estado civil dos proxenitores como separación, divorcio, custodia compartida, supoñemos que tamén medidas cautelares no medio dun proceso xudicial… e non se ten en conta se a situación laboral trocou nunha situación de crise como a que estamos a pasar no periodo de tempo entre a declaración requirida e hoxe, e nos cambios de domicilio durante o curso, a obrigatoriedade de devolver os libros sen ter garantías de recibir outros no lugar de destino (se os hai, pero como os vai haber se entregan todos no comezo do curso e non haberá para todos!).
Todo isto supón o uso por parte das persoas responsables do banco de libros de datos de carácter personalísimo que están protexidos pola Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; e non cremos que estean suficientemente protexidos eses datos cando poden ser utilizados por persoal que non sexa da propia Administración educativa.
h) Nos arts. 13.3 e 15.2 fálase da posibilidade de alegacións ou correccións de erros por parte dos interesados. Como no primeiro non se menciona prazo, entendemos que será o recollido no art. 71.1 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedimento administrativo común, isto é, 10 días.
Desta maneira, seguro que os prazos que se dan despois de ter rematado o prazo de entrega de solicitudes, 30 de xuño de 2015, e que se citan na orde: 2 de xullo de 2015 para determinar a renda per cápita, 7 de xullo de 2015 para publicar a relación de solicitudes, simplemente non é posible cumplilos.
Asemade só se poderán presentar reclamacións durante dous días, saltándose de novo os prazos establecidos na Lei 30/1992, art. 86.2 “…determinará o prazo para formular alegacións, que en ningún caso poderá ser inferior a 20 días”.
Así non se poderá tampouco cumprir coa data última de gravación na aplicación informática. E coas datas de publicación das relacións de solicitudes admitidas.
i) Que unha solicitude sexa admitida non significa que xenere un dereito a libros para o beneficiario, pois finalmente dependerá de que o fondo solidario de libros (banco de libros segundo declaracións públicas do Sr. Conselleiro) teña unidades dispoñibles e de que non presente outra familia documentación que supoña unha menor renda no ano 2013.
Beneficiarios son todos os alumnos, porque xa vimos anteriormente que a educación básica se trata dun dereito recoñecido a todos os niveis, e non só os que teñan unha renda baixa en 2013 para efectos dende o verán de 2015 (ano e medio despois) e que ademais teñan a “sorte” de que haxa libros dispoñibles. Isto non é unha educación igualitaria.
l)Como esta normativa está feita mal (como demostramos) e tarde, prodúcese unha confusión e aceleración fenomenal de datas en plena época estival, co que predecimos innúmeros problemas por parte dos centros e das familias que non sabemos como se resolverán, alongando no tempo e finalmente adiando até o comezo do curso a situación sobre os libros de texto, situando ás familias nunha situación de inseguridade enorme e abusiva.
m) Nas disposicións adicionais primeira e segunda vólvese a discriminar ao alumnado con discapacidade e necesidades específicas deixando a ollo de bo cubeiro dos centros a pataca quente que esa Consellería non sabe ou non quere, ou ambas, resolver.
n) Na disposición adicional terceira fálase do persoal administrativo do centro… pero se en moitos centros non existe tal persoal! A forma de acceso do persoal docente aos postos de traballo que convoca a Consellería de Educación mediante oposición é para facer labores de docencia; ao non existir persoal administrativo en moitos centros teñen que realizar estas funcións para as que non se prepararon nin se presentaron e, e isto é o máis grave, supoñen un detrimento nas súas funcións de ensinanza, que son para as que foi contratado.
ñ) Consideración especial queremos ter sobre o art. 4.2 da orde na que se di que “o centro poderá solicitar a colaboración da ANPA para realizar as funcións de recollida dos libros de texto, inventario e entrega dos lotes de libros ao alumnado”.
As ANPA son asociacións sen ánimo de lucro constituídas polas unidades familiares que libremente se asocian para traballar de modo desinteresado na mellora das condicións educativas dos centros onde os seus cativos se preparan como persoas. A Consellería debe darse de conta dunha vez de que tipo de organizacións se trata. Así teñen moi limitada a súa operatividade por diversas razóns que non é preciso explicar aquí.
Non todos os centros teñen por que ter ANPA. Onde existen, non todas teñen un funcionamento regular. Non todas as unidades familiares teñen a obriga de pertencer a unha ANPA, e polo tanto esta non ten porque facer función ningunha para eses non asociados e estes poden non aceptar que unha asociación á que non pertencen voluntariamente lles entregue ou non material escolar.
A Administración educativa, Ministerio e Consellería, leva moito tempo ninguneandoas cunha menor presenza na actividade dos centros e finalmente cunha residual importancia pola redución de competencias no Consello Escolar dos centros, o que significa un menor interese para a autoridade educativa respecto das ANPA e das/dos representantes das nais e dos pais.
Mais velaquí como para salvar un pouco unha situación impresentáble como a que se fai nesta orde, nos dan entrada para “axudar” no fondo solidario de libros, seguramente porque se nos negamos se nos pode acusar de non ser solidarios.
Tampouco podemos, nin debemos intervir no tratamento de datos de carácter persoal, nin participar no reparto de libros pois non somos quen debe realizar unha función que compete ao persoal administrativo, non docente, que ten que contratar a Consellería.
Se tivésemos máis tempo para dedicar a mellorar a educación que reciben os nosos fillos nos centros públicos de ensino, faríamola en calquera caso non ocupando postos de traballo que debe crear a Administración.
Dado que polos argumentos presentados neste recurso é patente que a orde recorrida atenta contra os principios recollidos por normativas e institucións internacionais e pola propia Constitución española de 1978, contra o dereito de que a educación básica é obrigatoria e gratuíta para garantir a igualdade a fin de que os cativos reciban unha educación baseada en principios fundamentais no sistema de convivencia democrático na súa preparación como persoas.
E tendo en conta que na orde, e polos motivos aludidos de premura no tempo e improvisación, non se respectan as marxes legais que garanten un procedimento administrativo no que se teñen en consideración dos dereitos dos cidadáns diante da Administración segundo a referida Lei 30/1992, o que supón unha situación de manifesta indefensión.
SOLICITAMOS:
Que a Consellería retire con efecto inmediato a Orde do 21 de maio de 2015 pola que se regula o fondo solidario de libros de texto destinado ao alumnado matriculado en 3º e 5º de educación primaria e en 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria, en centros docentes sostidos con fondos públicos no curso escolar 2015/2016, por estar a prexudicar gravemente os principios da educación elemental, e se tomen as decisións precisas por parte desa Consellería para asegurar o mandato constitucional dunha educación básica gratuíta en igualdade, atendendo singularmente ás necesidades dos discapacitados e persoas con necesidades específicas de apoio educativo.
Independentemente do que ocorra con este recurso, FAPA Ourense quere expresar aquí o seu dereito a exercer as posibles futuras accións legais que considere oportunas en defensa dos intereses das familias da Escola Pública, singularmente sobre as cuestións fundamentais formuladas.
Ourense, 25 de xuño de 2015
CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA